viernes, 23 de octubre de 2015

Achégase a VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral “Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral”

Enviado por José Antonio Sierra 

 
Achégase a VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral
“Sexo e obscenidade na literatura de tradición oral”

  
  • Será o vindeiro sábado, 24 de outubro, no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Lugo (Avda. Ramón Ferreiro, s/n  - Lugo)
  • O obxectivo da Xornada é o de facer unha aproximación didáctica á presenza destes elementos na cultura popular e particularmente na literatura de tradición oral
 
(A Coruña, 22 de outubro de 2015)   A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza a oitava edición desta xornada, que se desenvolverá o sábado 24 de outubro no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Lugo, coordinadas por Antonio Reigosa, vogal de Literatura de Tradición Oral da AELG, e Isidro Novo, vogal por Lugo. A entrada é libre até completar aforo.
A Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo segue mantendo co seu apoio a celebración da Xornada.
Hai temas que aínda padecen o estigma do tabú como este do que imos falar na VIII edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral a celebrar en Lugo o próximo 24 de outubro na Biblioteca Pública de Lugo (como chegar).
A literatura do sexo, tan presente nas súas diferentes formas e manifestacións na comunicación oral, forma parte dos asuntos censurados secularmente, social e academicamente. Que dicir, xa que logo, do obsceno e do escatolóxico! 
A transmisión, de predominancia oral, de chistes, ditos ou recitados onde o sexo, as partes pudendas ou os excrementos son protagonistas quedou restrinxida a ámbitos de confianza (adolescentes, amizades,…), e poucas veces chega aos gabinetes de investigación, e moito menos aínda a ter difusión impresa, a pesar de que tivo unha grande influencia na literatura de creación chamada libertina ou alegre que cultivaron numerosos escritores na antigüidade e, máis recentemente, desde o século XVI en adiante.
O vocábulo obsceno, que normalmente interpretamos como sinónimo de impúdico, indecente ou inmoral, ten etimoloxía dubidosa e significados diferentes segundo a adscrición cultural ou relixiosa da persoa. En todo caso, obsceno é aquilo que se esconde, que se considera que non se debe ver ou dicir en público porque pode ser ofensivo ou ter categoría de vicio. O obsceno é fillo da represión cultural e relixiosa exercida polos poderes sobre os desexos sexuais das persoas e conta cun amplo e moi variado repertorio de manifestacións. É por iso polo que estes relatos adoitan ter por obxecto de burla cregos, frades, monxas e, en xeral, todos aqueles personaxes que exercen ou representan poder represivo sobre o pobo. 
Por tanto, contar de sexo e de escatoloxía puido ser unha maneira de rebeldía contra censuras, tanto dos máis cativos contra os adultos como dos sometidos contra os opresores. Un recurso social contra a alienación que, ademais, ten o engado do prohibido.
Nesta xornada contamos co saber de especialistas na materia que van tratar e debater sobre estes temas desde diferentes puntos de vista así como analizar a súa presenza e supervivencia nos diferentes xéneros da literatura de tradición oral. A música, a poesía e o conto de tema erótico ou escatolóxico forman parte da nosa bagaxe cultural e, só por iso, debemos afrontar o seu estudo con criterios científicos e, podendo ser, espidos de toda clase de prexuízos.
 
Programa
10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
 
10.30-11.30 Conferencia: Sexo e obscenidade na canción popular galega. Contextos e modelos para expresar a sexualidade nas cantigas populares.
Rubén Aramburu. Mini e Mero ilustrarán musicalmente o relatorio
 
11.30-12.30 Conferencia: Na cona da vella non manda ninguén
Olga Novo
Sobre os arquetipos sexistas e a súa presenza explícita ou implícita nos xéneros literarios populares.
 
12.30-14.00 Mesa redonda: E dálle que dálle! O erotismo como sátira fronte á represión social
Rubén Aramburu  e Olga Novo. Coordina: Antonio Reigosa
 
16.00-17.00 Conferencia: A poética do noxo: excrementos e outras repugnancias na literatura oral galega
José Luis Garrosa
A materia oculta. Sobre o que non se pode ou non se debe dicir e, sen embargo, se di.
17.00-18.00 Conferencia: Os contos eróticos galegos
Xosé Miranda e Xoán R. Cuba
Repaso aos tipos e motivos presentes nos contos eróticos da tradición oral galega.
 
18.00-19.30 Mesa redonda: Cuarta máis, cuarta menos!  Escatoloxía, prexuízos e tabús
José Luis Garrosa, Xosé Miranda e Xoán R. Cuba. Coordina: Isidro Novo

 
19.30-20.30 Ti contabas as estrelas, eu as areas do chan
Percorrido polo repertorio popular baseado en experiencias propias, cantigas, contos e romances
Luís “O Caruncho”
 
Máis información, aquí.
O telf. de contacto de Antonio Reigosa, coordinador da Xornada, é o 655 432 511
 
 
Agardamos que a nova sexa do seu interese.

Saúdos,
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Gabinete de Comunicación
Tfnos: 699 115 469 / 696 581 971
Correo-e: prensa@aelg.org
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario